A comunidade de augas de Corcoesto pioneira en delegar a súa recadación na Deputación


A comunidade de augas toma auga do manancial de Fonte do Castro desde hai máis de sesenta anos e distribúea a través dunha rede de abastecemento comunitaria, autorizada por Augas de Galicia e renovada integramente nos últimos anos con axudas da Deputación, que da servizo a 76 vivendas da zona.

Grazas a este acordo pioneiro, a comunidade delega no servizo de Xestión Tributaria da Deputación o cobro en período voluntario e executivo dos ingresos de dereito público da entidade. O acordo ten unha vixencia de catro anos, que poderá prorrogarse por outros catro co acordo mutuo das dúas partes.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o representante da entidade, José Luís Vázquez Varela, asinaron o acordo polo que esta comunidade de augas de Cabana de Bergantiños será a primeira de Galicia que contará cunha xestión tributaria profesionalizada a través dos servizos da institución provincial coruñesa.