A comunidade educativa da Mariña apoia ao persoal de Alcoa


Milleiros de persoas de toda a comunidade educativa de Secundaria da Mariña, manifestáronse este domingo en apoio á loita pola defensa dos postos de traballo do persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo). Saíron da estrada N-642 desde o Alto do Castelo e marcharon até a entrada principal da factoría de aluminio. Os estudantes citáronse no Castelo; os traballadores na fábrica. Xuntáronse a medio camiño e os representantes dos traballadores cedéronlles a remuda das reivindicacións. Agarraron as pancartas e fixeron a pé o mesmo camiño que fan os seus pais, ou tíos, ou os seus veciños cada día de camiño a fábrica. Nas beiras da estrada os maiores aplaudían a valentía e a empatía dos que son o futuro e a esixencia dunha solución.