A concurso na Coruña a concesión da nova cafetería do Pazo dos Deportes de Riazor

1 minutes read

A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación da concesión da cafetería do Pazo dos Deportes de Riazor, un servizo que se prestará por un prazo de dez anos, improrrogables. A empresa adxudicataria deberá asumir un canon mínimo anual de 3.377,33 euros.

Esta nova instalación, que ampliará o servizo ao público no Pazo, ocupará unha superficie total de case 92 metros cadrados, inclúe dúas barras con distintas ubicacións, dous espazos diferenciados de cafetería -un aberto, situado na entrada do edificio, e un pechado-, así como dous almacéns.

O expediente de contratación, que recibiu luz verde este venres, pasará a continuación a exposición pública por un prazo de 30 días hábiles, mediante o correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e a súa publicación no perfil do contratante do Concello da Coruña.