A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade continúa coa campaña #SomosCOGAMI

1 minutes read

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) continúa coa campaña de sensibilización lanzada este ano baixo o lema #SomosCOGAMI para visibilizar aquelas situacións, condutas e necesidades coas que conviven as persoas con discapacidade e familias.

No mes de outubro pon en valor o movemento asociativo da discapacidade e o labor que desempeñan as entidades sociais, o traballo que desenvolven e os servizos que prestan co fin de favorecer a autonomía das persoas que representan e, en definitiva, mellorar a súa calidade de vida. “As entidades achegan unha importante rede de apoios que dá resposta ás necesidades das persoas con discapacidade. Sen estes apoios, os nosos proxectos de vida non serían posibles, polo que reclamamos a revisión do modelo de financiamento que garanta a súa sostibilidade”, apunta Anxo Queiruga, presidente de COGAMI.