A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recibiu ao patrón maior da confraría de pescadores de Camariñas, José Ramón Lema, para tratar diferentes asuntos de interese para os sectores pesqueiro e marisqueiro da zona. Durante a xuntanza, na que tamén estivo a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, a titular de Mar informou ao patrón maior dos avances na tramitación do proxecto da fábrica de xeo para a confraría.
Os representantes da confraría de Camariñas acolleron con satisfacción que a licitación das obras vaia comezar proximamente, tal e como lle foi traslado durante a reunión. Esta é unha das principais demandas do pósito camariñán que deste xeito busca facilitar o traballo dos seus socios. Outro dos asuntos tratados na xuntanza foi a opción da confraría de incorporarse ao proxecto Primare de dixitalización da comercialización das lonxas, un terreo no que ve unha oportunidade de futuro. Esta reunión enmárcase nos encontros que mantén a conselleira do Mar cos responsables das confrarías de pescadores para coñecer de primeira man cuestións do seu interese.