A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, deu conta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento da actuación da Consellería do Mar relativas ao almacén de pesca construído pola confraría de Corcubión e sobre as posibles necesidades laborais das persoas mariscadoras da zona.
Ángeles V. Suárez explicou que a actuación foi financiada pola Xunta con 65.230 euros, ao abeiro da orde destinada á modernización de infraestruturas portuarias, e que a obra se executou conforme ao proxecto aprobado e á normativa vixente. Unha acción que incluíu un espazo de almacenaxe, vestiarios, aseos e zona de arquivo para mellorar as condicións de traballo no porto.
A directora xeral detallou que as confrarías de pescadores son corporacións de dereito público, con competencias para administrar os seus recursos, organizar os servizos aos seus membros e responder ás necesidades derivadas da súa actividade. Por iso indicou que, ata o momento, o departamento autonómico non recibiu ningunha demanda deste pósito relacionada co funcionamento das instalacións ou coa prestación de servizos ás persoas mariscadoras.
Así mesmo, destacou que a confraría é coñecedora das liñas de apoio dispoñibles e que, desde 2018, obtivo máis de 801.000 euros en axudas destinadas á mellora de equipamentos portuarios, seguridade laboral e modernización de infraestruturas, reforzando así a súa capacidade de prestar servizos ao sector.
A responsable autonómica anunciou que en 2026 se abrirá unha nova convocatoria de axudas para proxectos colectivos de modernización de portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque, cunha dotación de 7,5 millóns de euros en 2026 e 2,5 millóns en 2027. Estas axudas permitirán financiar actuacións para mellorar a eficiencia enerxética, reforzar a seguridade fronte ao cambio climático, modernizar equipos e mellorar as condicións de traballo das persoas pescadoras e mariscadoras.
Ademais, o vindeiro ano activarase a orde destinadas ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), cun orzamento de 6,9 millóns de euros, que tamén poderá apoiar proxectos vinculados á mellora das condicións laborais e á remuda xeracional no sector. Uns recursos que amosan o compromiso da Xunta coa mellora das condicións de traballo e co futuro do marisqueo. Así, Ángeles V. Suárez manifestou que “a modernización dos equipamentos é tamén unha maneira de humanizar o porto. Estamos plenamente comprometidos en que as persoas mariscadoras conten coas condicións laborais que merece unha profesión esencial para Galicia”.