A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, mantivo un encontro co secretario da confraría, Antonio Devesa, e outros membros da directiva, onde quedou patente o compromiso co impulso ao sector do mar e se puxo en valor o traballo da entidade laxense, que este ano recibiu un total de 44.368 euros en axudas provinciais.
A deputada explicou que a confraría de Laxe destinará 13.600 euros á adquisición de novo equipamento informático tanto para a sede da entidade como para a lonxa, incluíndo ordenadores, impresoras e proxectores.
Así mesmo, concedéronse 24.000 euros para a mellora das canles de comercialización da lonxa, cun proxecto centrado en atraer novos clientes a través de ferramentas dixitais e a venda online. Esta estratexia busca paliar o descenso do número de embarcacións, cotas de captura e compradores na lonxa local, facilitando a continuidade da actividade pesqueira mediante o uso das novas tecnoloxías.
O novo sistema inclúe tamén a preparación, embalaxe e envío dos produtos adquiridos polos clientes, asumida polo persoal da lonxa, garantindo así un servizo completo e profesionalizado.
A terceira liña de apoio, por importe de 6.768 euros, destinouse á organización da II Xornada de Degustación da Navalla e o Longueirón de Laxe, celebrada a comezos de agosto, e que reuniu a centos de persoas na localidade para saborear máis de 120 quilos destes bivalvos capturados na zona.