A Confraría de pescadores de Noia anunciou este sábado a través dun comunicado aos medios que procederá á inmediata constitución dunha plataforma comarcal de afectados pola explotación da mina San Finx.
Unha medida máis por parte do pósito ante a autorización recibida pola empresa mineira, por parte de Augas da Galiza, para a vertedura de augas residuais “contaminadas” e a posterior explotación do complexo.
“A sociedade está indignada e defenderá os seus intereses até as últimas consecuencias, para o que se constitúe a plataforma de afectados, á que se poderán adherir todo tipo de colectivos, entidades, asociacións, empresas, clubs ou forzas políticas que entendan podan ser afectados directa ou indirectamente”, expresou a entidade noiesa.
Ademais, a entidade de pescadores de Noia fixo de novo un chamamento “á cordura da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para que paralice a posibilidade de execución da autorización”, unha medida que solicitou o pósito como medida cautelar urxente nada máis ter coñecemento da autorización.
Impacto inminente
“De non suspenderse a execución da autorización, a vertedura das augas que a empresa australiana pretende bombear desde as plantas inundadas da mina causará un enorme dano ambiental e prexuízo económico ao sector do mar, pois a ría de Muros e Noia está tan só sete quilómetros por debaixo da mina” explica a organización.