A Confraría de Pescadores de Corcubión celebrará do 22 ao 24 de agosto as súas Xornadas Gastronómicas

Trátase dun evento cuxa programación combina festa gastronómica, unha charla, talleres infantís e tres showcookings de acceso gratuíto que se celebrarán no interior da lonxa, a diferenza da maioría de actividades, que terán lugar na carpa instalada no peirao.

Promo do evento.


Os showcookings estarán dirixidos por tres cociñeiros galegos de referencia. O venres 22 (19:00h) será a quenda de Miguel Mosteiro, impulsor de Gastrolab Arousa, que compaxina a cociña coa divulgación do produto galego en medios de comunicación e eventos nacionais e internacionais.
O sábado 23 (19:00h) a lonxa acollerá a mostra de cociña de José Manuel Mallón, cociñeiro e formador vinculado á promoción do produto local como embaixador das Experiencias de Calidade de Agacal. A súa cociña logrou recoñecemento máis aló de Galicia: en 2024 foi distinguido no congreso San Sebastián Gastronómika como gañador do I Campionato de Sopas de Peixe.
O domingo 24 (12:00h), Iván Domínguez será o encargado de pechar este ciclo de showcookings. Tras o seu paso por restaurantes de prestixio como Casa Marcelo ou Alborada, Domínguez lidera hoxe o seu proxecto Nado, onde desenvolve unha filosofía culinaria que concibe as elaboracións “de principio a fin” e sempre centradas no produto autóctono e de tempada.
Cada showcooking permitirá aos asistentes ver en directo a preparación de diferentes receitas e degustalas. A participación é gratuíta, pero require inscrición previa no teléfono 981 746 951, coa limitación de inscrición a un único showcooking por persoa para facilitar o acceso ao maior número posible de interesados.
Polbo e longueirón, protagonistas na carpa gastronómica
O eixo da cita volverá estar no polbo, que poderá probarse en catro elaboracións —á feira, á brasa, en croquetas e en empanada—, xunto co longueirón á prancha, outro dos produtos máis representativos da lonxa de Corcubión. A carpa gastronómica abrirá o venres de 20.00 a 23:30h, o sábado de 13.00 a 17:00h e de 20.00 a 23:30h, e o domingo de 13.00 a 17:00h.
Talleres infantís de ciencia mariña e voces das mariscadoras
A programación complétase con actividades de divulgación e sensibilización. Os máis pequenos poderán participar nos talleres de ciencia mariña dirixidos por Arenaria Coordinación, “Como son vos cefalópodos por dentro? “ (sábado ás 12:00h) e “E ti.., de quen ves sendo?” (sábado ás 19:30h), ambos con inscrición previa no 981 746 951.
Ademais, o sábado ás 12:30h a lonxa acollerá a charla “Abrandases do mar: voces e retos do marisqueo”, na que varias mariscadoras da Confraría compartirán a súa experiencia e reflexións sobre a conciliación familiar, a igualdade e os desafíos da muller no sector pesqueiro.
Con esta combinación de showcookings, degustacións, talleres para familias e espazos de debate, as Xornadas Gastronómicas de Corcubión buscan poñer en valor a riqueza dos seus recursos pesqueiros, recoñecer o traballo do sector e achegar a cultura mariñeira ao público de todas as idades.

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño