A Confraría de Pescadores de Laxe achegou este xoves a Carballo os produtos procedentes da súa pesca costeira artesanal a través dunha degustación gratuíta celebrada na Praza do Concello, fronte ao Mercado de Abastos. A iniciativa espertou unha gran expectación e en menos dunha hora repartíronse 580 degustacións: 200 tapas de fideuá de juliana e longueirón e 380 croquetas de polbo con mostaza de pemento.
Aínda que a degustación non estaba anunciada ata as 12:00h, o público comezou a congregarse ao redor do mesado de cociña de Miguel Mosteiro desde as 11:00h, atraído pola proposta gastronómica que se estaba preparando e tamén pola presenza de dous equipos da Televisión de Galicia, que gravaron a actividade para o Telexornal e para o programa Hora Galega. Moitos dos asistentes coñecían xa a cita tras vela anunciada en prensa, mentres que outros descubriron a actividade mentres realizaban as súas compras no mercado da localidade.
Os asistentes valoraron especialmente a calidade do produto e das elaboracións, e varios deles interesáronse ademais polos puntos de venda nos que poden adquirir peixe procedente da lonxa de Laxe.
Como nas citas anteriores, o obxectivo desta iniciativa, impulsada pola Confraría de Pescadores de Laxe co apoio do GALP Costa da Morte, é dar a coñecer a calidade dos recursos pesqueiros da lonxa de Laxe, fomentar o consumo de peixe fresco e de proximidade e poñer en valor a pesca costeira artesanal, destacando a frescura e calidade das súas capturas e a súa contribución a un modelo de pesca sostible. A campaña busca ademais mostrar diferentes formas de preparar e incorporar o peixe e o marisco á alimentación habitual, ofrecendo ideas e elaboracións variadas que faciliten o seu consumo dean o día a día.
A acción deste xoves en Carballo súmase ás realizadas este ano nas prazas de abastos de Santiago e Noia, dentro dunha campaña de promoción que xa recalou o ano pasado en Vimianzo e A Coruña e que culminará o próximo 1 de outubro cun acto de peche no Parador Costa da Morte, en Muxía
