A Confraría de Pescadores de Laxe pecha campaña de promoción do peixe e marisco no Parador Costa da Morte

1 minutes read

A Confraría de Pescadores de Laxe poñerá o broche final á súa campaña de promoción do peixe e marisco procedente da súa lonxa nun acto que se celebrará o 1 de outubro no Parador Costa da Morte e que reunirá a autoridades vinculadas ao sector.


O encontro servirá para facer balance dunha campaña que tivo como obxectivos fomentar o consumo de peixe fresco e de proximidade, dar a coñecer a calidade das capturas da pesca costeira artesanal en Laxe e poñer en valor o traballo dos mariñeiros e mariscadores da Confraría Santa María da Atalaia.


Durante este acto de peche tampouco faltarán as propostas gastronómicas. O cociñeiro Miguel Mosteiro e o xefe de cociña do Parador Costa da Morte, Adrián Mayo, ofrecerán un showcooking no que se elaborarán en directo catro propostas diferentes protagonizadas polo abadexo, o longueirón, a maragota e a sardiña.


Impulsada pola confraría, co apoio do GALP Costa da Morte, a campaña arrincou en 2025 con accións no Castelo de Vimianzo e no Mercado de Elviña, na Coruña, e continuou este ano con citas na Praza de Abastos de Santiago, a Praza de Abastos de Noia e o mercado de Carballo. Ao longo de todas estas accións servíronse 12 elaboracións distintas, demostrando a versatilidade dos peixes e mariscos da lonxa de Laxe.


Polos fogóns desta iniciativa pasaron ademais cociñeiros da talla de Lucía Freitas, estrela Michelin, e Iván Domínguez, pertencente ao prestixioso Grupo NOVE, ambos os recoñecidos co título de Embaixadores dos Peixes e Mariscos de Laxe; Domínguez en 2025 e Freitas en 2026. Miguel Mosteiro, rostro visible da campaña e protagonista no acto de clausura, ostenta tamén este título desde 2024.