A conselleira de Educación visitou o CEIP Canosa-Rus e o CEIP Otero Pedrayo da Laracha

1 minutes read

Carmen Pomar, destacou este martes a biblioteca do CEIP Canosa- Rus en Coristanco como un referente e un exemplo do traballo que pode desenvolver unha pequena comunidade educativa do rural. De feito, a gran actividade que desenvolven neste eido fixo que fose un dos centros escollidos para participar no proxecto Bibliotecas LÍA.2, posto en marcha co fin de explorar as posibilidades de evolución da biblioteca escolar no marco dun dos desafíos do Plan LÍA, o de configurar as bibliotecas escolares como laboratorios creativos de aprendizaxe, espazos para a exploración, a experimentación, a creatividade, o traballo colaborativo e a construción compartida de coñecemento.

Segundo explicou a conselleira, todas as bibliotecas participantes nesta iniciativa están integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e contan cunha boa traxectoria neste programa e con equipos moi comprometidos neste sentido. Trátase de centros, ademais, que impulsan desde a súa biblioteca metodoloxías activas e traballos por proxectos. De feito estas bibliotecas escolares destacan por estimular un cambio metodolóxico no conxunto do centro ao incentivar o uso da mesma como espazo de traballo colaborativo ao servizo de todas as materias e de toda a comunidade escolar.

Visita á Laracha

A conselleira aproveitou a súa visita á zona para achegarse ao CEIP Otero Pedrayo da Laracha, onde se interesou pola participación do centro no Plan Proxecta, en concreto nos programas Centros Activos e Saudables, de fomento destes hábitos; e Nós tamén creamos!, de promoción da lingua galega a través da creatividade e a incorporación das TIC nas aulas, mediante a creación de curtametraxes en galego.

Carmen Pomar con alumnos/as do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, na compaña do alcalde José Manuel López Varela e as concelleiras Patricia Bello e Rocío López.