A conselleira de Emprego e Igualdade reuniuse cos representantes do Foro pola Economía Social Galega

1 minutes read

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de completar a rolda de contactos mantida nas últimas semanas en Santiago de Compostela con representantes do Foro pola Economía Social Galega e cos interlocutores das entidades que o integran. Como resultado dos mesmos sentáronse as bases das relacións que a Xunta estreitará en 2021 con estas organizacións, dado o papel esencial que terán cara á reactivación económica, polo seu compromiso coas persoas e co traballo inclusivo.

Lorenzana presidiu as diferentes xuntanzas celebradas en Santiago de Compostela nas últimas semanas co presidente do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara; con Ana Oliveira, presidenta da Unión de Cooperativas de Galicia (Espazo coop); Severino Montes da Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca); José Antonio Vázquez da Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), Eduardo José Salido da Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e Isabel Fraga da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga).

Nas mesmas, a conselleira trasladou o compromiso a da Xunta coa economía social, un modelo sustentable e igualitario que promove emprego de calidade e que ten un papel esencial cara a reactivación económica de Galicia. Acompañou ao Foro pola Economía Social Galega na súa andaina -constituíuse como asociación o pasado febreiro- e comprometeuse a manter as liñas de colaboración con esta entidade nos orzamentos do próximo ano.