No caso da actuación acometida en Malpica de Bergantiños o Concello recibiu unha achega de 30.000 euros para a substitución os elementos danados na área recreativa da praia de Seaia. En concreto, colocáronse novas varandas de madeira seguindo o trazado e deseño anteriores, e creouse unha nova escalinata no acceso.
A conselleira, xunto coa delegada territorial, tamén visitaba o sendeiro do Saldoiro, en Caión, no Concello da Laracha, onde, ao abeiro dunha axuda de preto de 30.000 euros, se substituíu o pavimento deteriorado por outro de xabre duns 700 metros de lonxitude.
Ángeles Vázquez animou a concellos, entidades e particulares a solicitar as axudas da Xunta para a preservación e mellora do patrimonio natural e cultural nos espazos protexidos da Comunidade.
Logo de explicar que xa está aberto o prazo de solicitudes -ata o vindeiro 11 de marzo-, a conselleira indicou que, co obxectivo de simplificar a facilitar a tramitación destas axudas, este ano unificáronse os apoios nunha única orde que inclúe actuacións en espazos dos seis parques naturais galegos, de reservas de biosfera e Rede Natura 2000.
A orde de axudas tamén permite apoiar proxectos de creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos como a creación, restauración ou adecuación de rutas, sendas e camiños rurais ou de acceso a fincas, relacionadas coa posta en valor do uso público do espazo protexido. Ademais subvenciónanse proxectos de sinalización orientativa, informativa ou interpretativa do espazo protexido; a creación, restauración ou adecuación de miradoiros e áreas recreativas ou centros de interpretación, así como a creación ou mellora de aparcadoiros disuasorios.