A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, aposta por recuperar e dinamizar o rural con experiencias como o Couto Florido, un proxecto de colaboración público-privada que impulsou intervencións centradas na paisaxe, na flora autóctona e na dinamización social nunha aldea de Ponteceso. Trátase dun proxecto ambiental e participativo que pode servir de exemplo e replicarse noutros pobos galegos.
Acompañada por diversas autoridades, a responsable autonómica participou este mércores na aldea do Couto, nun percorrido por diferentes espazos do lugar para comprobar in situ os resultados das actuacións realizadas desde marzo a través desta iniciativa de recuperación e dinamización do rural. Tamén fixo entrega duns galardóns ás persoas que participaron activamente na mellora e coidado da paisaxe, actividade final desta experiencia de recuperación.
Ángeles Vázquez destacou que as actuacións ambientais e participativas desenvolvidas coa participación de veciños deste lugar serven para amosar ao resto de Galicia que “revivir as zonas do rural é posible contando coas experiencias das persoas”. A conselleira apelou a “sentir orgullo” pola implicación de moita xente, en especial dos “nosos cativos”, e de distintas entidades para desenvolver diferentes actividades paisaxísticas, culturais e sociais.
O proxecto Couto Florido conta coa participación do Instituto de Estudos do Territorio (IET), a través da achega de 18.000 euros, e das fundacións Juana de Vega e Eduardo Pondal. A implicación institucional da Xunta enmárcase no desenvolvemento das estratexias de Infraestrutura Verde e de Biodiversidade 2030, que pretenden asegurar a conservación da natureza, a mellora da conectividade ecolóxica e a posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico.
Para recuperar e mellorar a paisaxe da aldea do Couto, o proxecto impulsou a restauración ecolóxica e cultural do espazo público, implicando activamente á veciñanza no deseño e execución das intervencións. En concreto, a iniciativa aposta por un modelo sostible baseado en solucións naturais e culturais, reforzando a biodiversidade, a infraestrutura verde e a identidade local.
A metodoloxía de traballo estruturouse en tres fases progresivas que combinaron a diagnose, a intervención e o mantemento comunitario, garantindo así unha transformación duradeira e adaptada ás necesidades da veciñanza. Así, o proxecto comezou no mes de marzo e dividiuse en tres fases: Sementes, Maio florido e Colleita.
Intervencións do proxecto
Máis de 50 persoas participaron en marzo na primeira acción de diagnose de Sementes, achegando 89 propostas veciñais de mellora paisaxística. A través dunha experiencia colectiva, promotores e cidadáns identificaron valores, retos e oportunidades, así como os espazos a intervir con este proxecto.
Nos seguintes meses, técnicos paisaxistas realizaron un traballo técnico de transformación das propostas veciñais. Deste xeito, en maio, houbo unha xornada de plantación de especies autóctonas e ornamentais guiada por expertas en cultivo ecolóxico e prácticas de xestión sostible, que tamén contou coa participación de artistas e empresas locais para outras actividades. Así, Maio florido propiciou a plantación de 15 especies florais autóctonas e a distribución de máis de 35 xardineiras de barro de Buño e madeira en rúas e fachadas.
A iniciativa do Couto Florido rematou hoxe coa xornada Colleita, que incluíu unha ruta para coñecer o resultado das intervencións realizadas e coa entrega de galardóns en recoñecemento ás persoas que colaboraron activamente no proxecto. Así, entregáronse 10 xardineiras a xogo coas macetas que xa se utilizaron na intervención do proxecto.