A conselleira de Política Social e Igualdade participou na celebración do 50º aniversario de Aspaber

1 minutes read

A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, participou na celebración do 50º aniversario da Asociación de pais e nais de familiares con discapacidade intelectual de Bergantiños (Aspaber), onde puxo en valor a traxectoria da entidade apoiando ao longo deste tempo ás persoas con discapacidade a construír os seus proxectos de vida.

Ángeles Vázquez fixo fincapé en que “detrás destes 50 anos de traballo hai grandes historias de superación” e de moitas familias unidas para “construír unha Galicia máis xusta, inclusiva e accesible”, ao tempo que reivindicou a “atención integral e personalizada” que ofrecen a todos os usuarios dos distintos centros de Aspaber.

Do mesmo xeito, puxo en valor o “gran apoio de Aspaber ás familias da comarca” para achegar recursos ás persoas que máis o precisan e, sobre todo, facendo posible “que todos conten cos apoios e medidas que o Goberno galego pon á súa disposición”. Porque, tal e como recalcou Ángeles Vázquez, o tecido social é imprescindible para consolidar e visibilizar os dereitos e necesidades das persoas con discapacidade.

Por iso mesmo, a conselleira aproveitou o acto de aniversario para agradecer a Aspaber todo o seu traballo ao longo de cinco décadas, ao tempo que tendeu a man do Goberno galego para seguir colaborando e mellorando a vida das persoas con discapacidade e das súas familias.