A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou este venres o valor que teñen os centros da colectividade galega, porque “son punto de encontro de todos os que viven na diáspora, representan a unión con Galicia, fortalecen os lazos coa nosa comunidade e velan sempre polo benestar de todos os galegos no exterior”.
Fabiola García mantivo un encontro cos integrantes da Asociación Cultural Benéfica de Corcubión (en Bos Aires), coincidindo co tradicional cocido que todos os primeiro de maio organiza esta entidade. Alí destacou o feito de que, a pesar do tempo transcorrido e da distancia, grazas aos esforzos desta agrupación “mantéñense vivas as raíces, creando comunidade e restablecendo os vínculos cos que están lonxe”.
Esta entidade benéfica fundouse hai máis dun século, no ano 1922, para recibir aos emigrantes que chegaban a Arxentina e promover a cultura e os valores de Galicia. Na actualidade conta con preto de 700 socios, a maioría deles galegos, e entre as actividades que realizan están as escolas de baile, de danza, de canto percusión e de gaita. Tamén ten un equipo de fútbol sala.
A conselleira manifestou que as comunidades galegas no exterior “son fundamentais para manter viva a nosa cultura, os nosos valores e o esforzo de moitas xeracións”. Ao respecto, asegurou que sen o seu traballo “Galicia non podería ser nunca o que é”, engadindo que “sempre terá as súas portas abertas porque nunca deixou de ser o voso fogar”.