A conselleira do Mar mantivo unha xuntanza co alcalde de Malpica

2 minutes read

A representante do Executivo galego Rosa Quintana, que estivo acompañada no encontro pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicoulle ao rexedor malpicán, Walter Pardo, que os técnicos do ente público están a traballar na recollida de datos do comportamento da dársena co obxectivo de coñecer as necesidades que marcarán as pautas da licitación do estudo de alternativas e o posterior proxecto para dar unha solución definitiva ao peirao de Malpica.

Entre as actuacións realizadas por Portos de Galicia con esa finalidade está a recente instalación de tres sensores e un dispositivo especial de medición en distintos puntos do porto malpicán co obxectivo de medir durante dous meses as ondadas e correntes que se rexistran no seu interior. Estes equipos súmanse ao radar colocado en decembro para facer medicións reais dos niveis de sobreelevación das ondas longas liberadas polos temporais e axudar a valorar a axitación real do peirao para identificar os períodos nos que as ondas resultan resoantes e a súa amplitude.

Estas accións permitirán coñecer as necesidades que marcarán as pautas da licitación do estudo de alternativas e o posterior proxecto para dar unha solución definitiva ao peirao de Malpica, unha infraestrutura complexa desde a súa construción hai máis de 80 anos tanto polas dificultades de saída e entrada como polas correntes que se xeran no seu interior.

Peirao de Barizo

Outro dos temas abordados na xuntanza foi a disposición dun novo guindastre para poder pór en seco embarcacións no peirao de Barizo. Neste senso, Portos de Galicia xa analizara, hai meses e a instancia do anterior alcalde, a posibilidade de arranxo do existente, se ben se recomendou, ante o estado do mesmo e a falla de garantías de seguridade e viabilidade da reparación, optar pola súa substitución por un novo.

Para acometer esta nova instalación, a conselleira do Mar reiterou a posibilidade de que os usuarios soliciten diante do GALP unha axuda para realizar a adquisición e colocación do novo guindastre, sinalando que o prazo de solicitude estaría aberto ata o vindeiro 1 de marzo.