A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o porto de Fisterra

2 minutes read

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o porto de Fisterra para comprobar as melloras introducidas nos seus equipamentos nos últimos tempos e informar das axudas que ten o sector á súa disposición para seguir avanzando neste eido. A titular de Mar lembrou que o Executivo galego aprobou este ano 55 proxectos presentados polas confrarías de pescadores para modernizar os portos, lonxas e lugares de desembarque cun orzamento total de máis de 2,5 millóns de euros e que, con eles, a Xunta leva investidos desde 2016 máis de 10 millóns de euros en achegas para máis de 330 actuacións deste tipo.

Precisamente, o porto de Fisterra beneficiouse nos últimos anos de varias axudas deste tipo entre as que destaca a adquisición dun carro varadoiro automotor somerxible. A adquisición deste equipamento, explicou a conselleira do Mar, supuxo un investimento de preto de 280.000 euros e mellorou considerablemente a operatividade do porto ao permitir a varada en terra de ata quince embarcacións á vez, cando antes de contar con este dispositivo só se podían varar de unha en unha. Trátase de investimentos, engadiu, que contribúen a impulsar a competitividade dos peiraos e a facilitar o traballo dos profesionais do mar.

A representante do Executivo galego tamén aproveitou a visita para comprobar o estado dos traballos de mellora dos pantaláns de Fisterra, unha actuación que Portos de Galicia licitou de forma conxunta con outras sete doutros peiraos da provincia da Coruña. Neste caso as obras, que contan cun orzamento de 288.000 euros, céntranse na substitución de elementos de madeira e na reparación e renovación dos pavimentos co obxectivo de reducir o risco de esvaróns e mellorar os elementos auxiliares dos pantaláns.

A titular de Mar mantivo ademais un encontro cos representantes da confraría de pescadores local co obxectivo de avaliar as necesidades máis urxentes do sector. Ao mesmo tempo analizaron a evolución da actividade marítimo-pesqueira do porto nos últimos meses e o impacto da alerta sanitaria polo coronavirus.