A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo o valor do oficio das redeiras e destacou a súa diversificación cara a outros ámbitos como o da artesanía e o turismo grazas ás grandes profesionais que compoñen o sector. Así o expuxo durante a inauguración da xornada informativa dedicada ás redeiras e titulada Diversificación profesional: oportunidades e vantaxes na nova conxuntura económica celebrada en Arteixo.
Alí tamén salientou a importancia desta diversificación para avanzar no desenvolvemento socioeconómico das zonas costeiras e para revalorizar os recursos pesqueiros e o traballo no mar. Neste sentido, a titular de Mar sinalou que as elaboracións das redeiras dan lugar a novas liñas de comercio no eido da artesanía, que avanzan xunto as liñas de turismo pesqueiro ou mariñeiro.
Todo isto, engadiu Rosa Quintana, é parte do patrimonio de Galicia e converte o oficio das redeiras nunha actividade de calidade cada día máis valorada e nun todo que xera novos empregos e abre novas vías de ingresos co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade de vida destas profesionais.
Por último, a titular de Mar agradeceu o labor da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao na organización desta xornada na que tamén estiveron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.