A conselleira do Mar visitou Camariñas


  • Asistiu á sinatura dun convenio de colaboración entre a confraría de Camariñas e a asociación de depuradores Agade, onde tamén estivo presente a alcaldesa da vila Sandra Insua.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou este martes a importancia de que os distintos elos da cadea mar-industria traballen xuntos para mellorar a súa actividade e lembrou que o sector pesqueiro de Camariñas contou desde 2009 con preto de 15 millóns de euros de investimento para impulsar o seu labor e mellorar as súas infraestruturas. A titular de Mar destacou estas cifras durante a sinatura dun convenio de colaboración entre a confraría de pescadores de Camariñas e a Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade) para a compravenda de produtos pesqueiros, un convenio que puxo como exemplo de como se pode mellorar a venda dos produtos do mar traballando unidos.

A conselleira do Mar aproveitou a súa asistencia á sinatura do convenio para comprobar o estado das instalacións da confraría de Camariñas e para coñecer de primeira man os traballos de mellora que se van facer no inmoble. Posteriormente desprazouse á confraría de pescadores de Camelle, no mesmo concello, onde estivo cos representantes da entidade para analizar a súa situación e escoitar as súas inquedanzas.

A lonxa de Camariñas poxou o ano pasado -con datos provisionais, non definitivos- preto de 4.200 toneladas de produtos do mar, o que sitúa o 2019 como o terceiro mellor ano desde 2009 en canto a mercadoría recibida. Esas vendas supuxeron unha facturación de case 4,4 millóns de euros. Mentres, no caso de Camelle, o balance provisional é de 13 toneladas descargadas e máis de 96.000 euros ingresados, a segunda maior facturación desde 2011.