A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou a empresa hortícola Terras de Bustelo, en Coristanco

2 minutes read

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou este martes a empresa hortícola Terras de Bustelo, no concello de Coristanco, onde destacou a importancia da produción alimentaria de proximidade e, especialmente, no ámbito da horta. No seu percorrido polas instalacións, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, reiterou o apoio do Goberno autonómico a este sector, materializado a través do Plan Estratéxico da Horta.

Explicou que o obxectivo desta iniciativa é consolidar o sector hortícola como un piar clave do agro galego. Deste xeito, con ela refórzase a posición de Galicia como referente nesta produción de calidade cunha aposta pola sustentabilidade, a diversidade e o respecto polo medio ambiente, a innovación e a profesionalidade.

Gómez sinalou que este eido ten un peso destacable na comunidade, xa que se sitúa como a terceira produción máis importante e, en termos de valor económico da produción, Galicia ocupa a cuarta posición en comparación co panorama nacional, só por detrás de Andalucía, Murcia e Castela-A Mancha.

Aposta polas canles curtas de comercialización

Neste sentido, unha das liñas de traballo da Estratexia é fomentar as canles curtas de comercialización, co fin de reducir os intermediarios entre produtores e consumidores e mellorar así a rendibilidade das explotacións. Este obxectivo avanza da man das políticas europeas enfocadas en acadar este fin, como é o caso da Estratexia da granxa á mesa ou o impulso dos produtos de km0; ámbitos nos que a Xunta seguirá a traballar de xeito decidido.

Terras de Bustelo

A empresa hortícola Terras de Bustelo conta cunhas 12 hectáreas de cultivo de repolo, verza, grelos e patacas; así como cuns 12.000 metros cadrados en invernadoiro dedicados á plantación de acelga e pirixel. Esta empresa colaborou na elaboración do Plan Estratéxico da Horta, participando nas enquisas realizadas ao sector.