A conselleira do Medio Rural puxo en valor en Coristanco a importancia da innovación no sector forestal

Coristanco.

A titular de Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, visitou este xoves as instalacións do viveiro Growin, un viveiro que Gómez puxo como exemplo de innovación, xa que aposta pola súa incorporación nos procesos produtivos. Subliñou en particular o aproveitamento que fai da Intelixencia Artificial na automatización das súas instalacións.

Seguindo esta mesma liña, a conselleira reafirmou a aposta do Goberno galego por un monte diverso e multifuncional e polo aproveitamento de todas as súas potencialidades. Neste sentido, hai que lembrar que a riqueza do monte galego está cifrada en máis de 43.000 millóns de euros, segundo estimacións realizadas por expertos do sector forestal.

O fomento desa multifuncionalidade plásmase mediante diversas liñas de traballo. Entre elas, a ordenación e xestión forestal sustentable, con diferentes convocatorias de axudas públicas para fomentar estas políticas e promover os servizos ecosistémicos, tales como o secuestro de carbono, a protección dos solos, da auga, o mantemento da biodiversidade ou a preservación da calidade paisaxística.

Asemade, afóndase na posta en valor de todos os recursos forestais que proveen os montes: madeira, biomasa, resina, cogomelos, pasteiros ou cortiza, así como a creación das infraestruturas verdes e a execución das actuacións necesarias para a prevención contra os incendios forestais.

Creación de superficies forestais

Tamén en relación coa procura dun monte multifuncional, trabállase na creación de superficies forestais, e así entre 2016 e 2024 destináronse máis de 41 millóns de euros a fomentar a creación de superficies arboradas en Galicia. Con estas achegas plantáronse máis de 21,3 millóns de árbores e ao longo deste 2025 está previsto que se remate a plantación de máis de dous millóns de exemplares correspondentes á última convocatoria de 2024. Outras liñas de traballo da Xunta teñen que ver coa silvicultura activa de masas de coníferas, con axudas específicas para este fin, así como tamén coa valorización das masas de frondosas, as formacións boscosas máis representativas de Galicia, e co fomento da boa gobernanza de comunidades de montes veciñais, con axudas específicas abertas desde o ano 2021.

Related posts

Portos e Concello de Fisterra acordan a proposta para a reversión ao Estado de terreos innecesarios do peirao

Xornada Nova Economía para a Aldea do Século XXI, celebrada no Couto, en Ponteceso

A Laracha solicitará acollerse ao incremento da achega autonómica destinada ao Servizo de Axuda no Fogar