A conselleira Fabiola García visitou a Casa do Maior de Coristanco

1 minutes read

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que as casas do maior consolidaron en toda Galicia un modelo de envellecemento “de proximidade, extenso e da máxima calidade”. Este martes visitou os dous centros que se abriron este ano en Coristanco.

Fabiola García concretou que as 83 casas do maior que xa existen en Galicia, con 415 prazas, consolidaron na nosa comunidade un novo tipo de envellecemento. Ante o éxito de acollida por parte dos concellos galegos e das persoas maiores, apuntou que nas próximas semanas resolverase unha nova convocatoria que permitirá abrir 30 novos centros ao longo de toda Galicia.

A conselleira apuntou que en Coristanco a Xunta investiu 30.000 euros para a adecuación dos locais onde se sitúan as casas do maior e outros 50.000 euros anuais para que poidan atender a dez usuarios de xeito totalmente gratuíto para eles. Sinalou que con estas iniciativas a colaboración institucional entre a Xunta e o Concello de Coristanco permitiu impulsar iniciativas e centros de atención á veciñanza.