A Consellería do Mar e Portos de Galicia investirán 100.000 euros en Corme

Cedida

  • Entre as demandas formuladas polo Concello de Ponteceso e a Confraría de Pescadores atópase a creación de varios pantaláns

A Consellería do Mar e Portos de Galicia investirán de forma conxunta 100.000 en Corme para atender ás demandas do goberno local e a Confraría de Pescadores da vila no relativo ao porto, á falta de infraestruturas e á posibilidade de crear máis emprego.

A titular de Mar, Rosa Quintana, e a presidenta de Portos, Susana Lenguas, mantiveron unha xuntanza co alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido para abordar, entre outras cuestións, o problema da mexilla, as necesidades de formación no sector do mar ou tamén o desexo de atraer máis barcos a Corme.

Ademais, desde o goberno local demandan máis pantaláns e un servizo permanente de auga potable e enerxía eléctrica. O plan de obras na Avenida da Mariña, cun peralte cara o paredón «para evitar que se acumule a auga do mar» e a mellora da seguridade viaria no acceso ao porto tamén foron outras das cuestións postas sobre a mesa por Carballido.

O Concello tamén considera «necesario» contar con dársenas que axuden á promoción turística da vila e que ademais poidan ser utilizadas para salvamento e socorrismo.