A construción dun edificio social nas antigas casas dos mestres de Carballo cada vez máis preto

  • A proposta presentarase no pleno ordinario deste luns 31 de outubro, no que se abordarán un total de 17 asuntos máis.

Despois de dous meses de exposición pública e da tramitación das autorizacións sectoriais pertinentes ante as administracións estatal e autonómica, o Concello de Carballo recibiu esta semana o último informe relativo ao plan especial das casas dos mestres (PERI-2), “co cal se vai a proceder á aprobación definitiva no pleno ordinario deste luns”, segundo anunciou o alcalde.

Evencio Ferrero indicou que a partir da aprobación definitiva xa poderá redactarse, por unha banda, o proxecto de demolición, e, por outra, iniciar a tramitación do expediente para a construción dun edificio que poida dar cabida ás entidades sociais que desenvolven a súa actividade no noso concello, facilitando e impulsando a atención ás necesidades da cidadanía.

O plan especial, que é un documento imprescindible para poder acometer a construción dun edificio para as entidades sociais, afecta a unha superficie de 2.575 metros cadrados. Segundo a proposta inicial, a reforma integral dese ámbito permitiría acometer a construción dun edificio social, unha praza e mesmo un aparcamento, ademais de regularizar o viario.

O alcalde deu a coñecer os asuntos que se debaterán no pleno do luns 31 de outubro, entre os cales tamén figuran a proposta de adhesión de Carballo á Rede de cidades saudables, as expropiacións para o proxecto de Augas de Galicia na Cepeira ou varias bonificacións de ICIO para novas empresas. Tamén está prevista a comparecencia, ao remate da sesión, dunha representante das traballadoras dos centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que desenvolven o seu labor no termo municipal.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha