A construción dunha estrutura flotante no Parrote da Coruña permitirá o baño e o recreo náutico


O importe total do proxecto ascende a 3,1M€ e farase a través dun convenio coa Autoridade Portuaria da Coruña. Así o avanzaron o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, e mais o presidente do Porto coruñés, Martín Fernández Prado, nunha visita á área na que se realizarán as melloras, á que asistiu tamén o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

A previsión é iniciar as obras o vindeiro ano para dispoñer, xa en 2024, dunha estrutura de baño e dun edificio complementario para actividades náutico-turísticas, así como de 150 metros de bancadas para achegarlles o mar aos cidadáns. Segundo destacou Diego Calvo, o obxectivo é potenciar o atractivo turístico da cidade e o desfrute do seu litoral por parte da poboación coruñesa. “Dámoslle así resposta a importantes demandas da veciñanza da Coruña”, apuntou.

O orzamento de 1,45M€ reservado en 2023 representa o primeiro paso para arrancar o proxecto a prol da integración urbana da fachada marítima da Coruña. A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta pola cidade, co compromiso feito xa en 2018 de investir 20M€ nesta actuación a través da colaboración coa Autoridade Portuaria e co Concello. “Aínda que non existe resposta por parte do Concello, desde a Xunta mantemos o compromiso e seguimos avanzando da man da Autoridade Portuaria”, sinalou o vicepresidente segundo.