A contorna do antigo campo de fútbol de Vedra contará cun novo espazo verde de lecer

1 minutes read

A Deputación da Coruña e o Concello de Vedra pretenden rehabilitar o lugar de Fontao, onde se atopa o antigo campo de fútbol de Vedra, en estado deficiente e de semiabandono, para convertelo nun espazo verde público para a diversión e lecer da cidadanía. O campo sitúase ademais nunha zona privilexiada, xa que nas proximidades están o colexio público, o centro de saúde, o pavillón municipal, a biblioteca e o centro de terceira idade.

As actuacións a levar a cabo dan continuidade ás primeiras accións realizadas no 2017 e inclúen a mellora e acondicionamento do espazo a través de tarefas de axardinado, drenaxe e a construción de novos elementos de xogo e descanso. A reforma dará unha segunda vida ás estruturas das antigas bancadas e vestiarios, que serán acondicionadas e acollerán os baños públicos. Tamén se prepararán para que na última fase da renovación ambas edificacións sexan autosuficientes enerxeticamente. A iniciativa contempla ademais a construción dunha nova bancada de formigón na parte este do campo.

Unha vez demolidos a cantina e os outros vestiarios -ambos fóra da ordenación- e construída unha nova pista de rodadura, plantéxase un espazo público aberto de carácter verde en consonancia coa paisaxe que o rodea e onde se insertarán novos usos deportivos e unha serie de operacións de axardinamento.

O traballo no perímetro do campo completarase cun camiño de acceso á bancada existente e unha baixada en rampa aos vestiarios que se atopan baixo desta, que tamén serán remodelados. Así pois levarase a cabo a apertura de ventás e portas para iluminar con luz natural o espazo interior. Tamén se dotará ás instalacións dun baño adaptado, taquillas e almacéns.