A contorna do Fórum Carballo estrea novo mobiliario

1 minutes read
  • O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Contratación e Planificación Urbana, Milagros Lantes, comprobaron a mellora do espazo público

A reforma integral da contorna do Fórum Carballo rematou esta semana coa instalación do novo mobiliario realizado en conxunto polos obradoiros de carpintería e metal do centro, tal e como comprobaron o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Contratación e Planificación Urbana, Milagros Lantes.

A estas obras, que permiten avanzar na mellora do espazo público, tamén hai que sumar o próximo acondicionamento do solar municipal cedido no seu día ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para a construción dun edificio de vivendas que nunca chegou a materializarse e que agora se utiliza como aparcamento.

Despois de urbanizar toda a contorna do CEIP Xesús San Luís Romero entre os anos 2017 e 2018 cun investimento de 515.738 euros, o Concello seguiu a traballar durante o 2019 no barrio da Milagrosa para modernizar os servizos urbanísticos e mellorar a mobilidade e a accesibilidade nas rúas Xílgaro, Luís Braille e Enxeñeiro Barreira. Obras ás que se destinaron 379.371 euros.

Este ano xa se remataron as obras das rúas Campo da Feira e Cuco, que contaron cun investimento de 229.438,25 euros, e que permitiron completar a actuación en toda a contorna do Fórum.