A Coordinadora “Eólica, Así Non” saíu ás rúas de Coristanco no Día Mundial das Montañas

4 minutes read

No Día Mundial das Montañas a Coordinadora “Eólica, Así Non”, apoiada en máis de 170 colectivos de toda Galicia fixo un chamamento á sociedade galega para que se mobilice de novo fronte a actual invasión eólica. Coristanco foi unha das 22 localidades galegas nas que tivo lugar unha concentración diante da casa do concello. Ademais dos colectivos convocantes acudiron á manifestación representantes de varias entidades ecoloxistas: Verdegaia, Adega, Asociación Agra, Asociación Ecoloxista Arco Iris, Contraminate e representantes de distintos partidos políticos.

As montañas galegas son as principais vítimas desta aloucada e caótica vaga eólica que se está a vivir en Galicia. Son os lugares preferentes das promotoras para colocar os seus megaproxectos eólicos, que despoxan as montañas de practicamente todos os seus valores e funcións de carácter ambiental, paisaxístico, cultural e socioeconómico para pasarán a ser meros polígonos industriais ao servizo exclusivo do oligopolio eléctrico.

Os máis de 300 proxectos de enerxía eólica que se atopan actualmente en tramitación no país, xunto coas súas liñas de evacuación e outras infraestruturas asociadas, terían un impacto singular e irreparable no conxunto de montañas, picos, petoutos, cumios, cordilleiras, serras, macizos, montes e outros tipos de elevacións naturais nos que se prevén implantar. Incluso, acabarían poñendo en risco a supervivencia do rural galego e o equilibrio ecolóxico do país. 

A rede de montañas galega abastece o país da meirande parte da demanda de auga e alimentos e está conformada por verdadeiros santuarios de biodiversidade. Santuraios que aínda preservan endemismos e hábitats de especial interese para a súa conservación na loita contra o quecemento global, como poden ser as brañas, lagoas, bosques húmidos, turbeiras…. Tamén son o refuxio de especies de flora e fauna singulares, dos grandes mamíferos ameazados ou en perigo de extinción, de aves, morcegos e outras especies que son garante do equilibro ecolóxico de Galiza. 

As montañas tamén representan as nacentes dos ríos e regos dos que nos abastecemos de auga, ofrecendo o 80% dos recursos hídricos que consumimos. Proporcionan tamén outros múltiples e variados servizos ecosistémicos como o control da erosión do solo, a regulación atmosférica, a paisaxe, reservorio do noso patrimonio cultural, etc. Polo tanto, a actual vaga eólica estaría poñendo nun risco extremo a preservación duns ecosistemas, -os de montaña-, que son fundamentais para a vida.

En Galicia, caracterizada por unha grande dispersión poboacional e unha forte identidade rural, as montañas son tamén fogar e medio de vida dunha boa parte da poboación galega, a miúdo esquecida e especialmente indefensa ante o asoballamento das empresas especuladoras da enerxía que ademais contan coa conivencia das administracións públicas.

Por unha moratoria inmediata e real fronte a falsa moratoria do PP

Desde o primeiro chamamento social masivo que se fixo en Galicia por unha moratoria eólica, que se evidenciou na marcha reivindicativa do pasado 5 de xuño en Santiago de Compostela, nin a Administración galega nin a estatal fixeron nada para frear esta vaga incesante de proxectos eólicos en tramitación. Mentres tanto o noso territorio estase vendo ameazado. Neste intre máis  de 300 megaproxectos eólicos están en tramitación sumando en total 10.000MW de potencia, o que equivale ao 43% do obxectivo en potencia eólica para o 2030 en todo o Estado español. Ademais Galicia xa exporta máis do 30% da electricidade que produce.

Os colectivos participantes fixeron fincapé na necesidade – cada vez máis urxente – de paralizar todos os proxectos eólicos que están en tramitación, tanto na Xunta como no Estado. Que se derroguen o desfasado Plan Sectorial Eólico de Galiza e as “Leis de depredación”, e que se deseñe, de forma participada, outra planificación eólica máis xusta coa sociedade galega, o noso rural e a contorna ambiental. Doutro xeito, estaríase deixando en mans do oligopolio eléctrico o futuro do noso territorio.

Tamén destacaron que os colectivos e entidades que conforman “Eólica, Así Non” están a favor das enerxías renovables, necesarias para afrontar o reto climático, pero rexeitan de raíz o actual modelo enerxético e a forma na que se está a concibir a implantación da enerxía eólica. Por iso, apelan ao deseño dun modelo enerxético alternativo que se fundamente na soberanía enerxética, no fomento do aforro e da eficiencia enerxética, no autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega.