A corporación carballesa abordará a declaración do 2023 coma o “Ano do Xestal”

1 minutes read

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, deu a coñecer este xoves esta iniciativa do goberno local, que xa foi trasladada aos partidos da oposición na comisión informativa do martes. Evencio Ferrero destacou a valía humana e artística de Carlos Díaz Gestal, O Xestal, e a necesidade de rescatar do esquecemento unha figura clave na cultura popular galega, cando se celebre o 90º aniversario do seu nacemento e o 30º do seu pasamento.

Polo tanto, a proposta que presentará o goberno no pleno do martes inclúe, ademais da declaración do 2023 como “Ano do Xestal”, a realización das xestións precisas para o traslado dos seus restos mortais dende o cemiterio parroquial de San Martiño de Razo, onde foi soterrado nun nicho cedido provisionalmente, ao cemiterio municipal de Carballo; a creación dunha comisión organizadora dos actos conmemorativos do “Ano do Xestal”, presidida polo alcalde ou persoa en quen delegue e formada por persoal de distintas áreas municipais e representantes de entidades e/ou medios de comunicación aos que estivo ligado Carlos Díaz Gestal durante a súa estadía no concello, e o traslado deste acordo aos concellos nos que residiu ao longo da súa vida, así como á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial da Coruña, para que se sumen, se así o consideran, á conmemoración do “Ano do Xestal”.

Lembramos a homenaxe que se lle fixo no ano 2010 en Carballo ao Xestal, promovido pola A.C. Lumieira e o Concello de Carballo.