A Corporación da Coruña avanza cara a un gran acordo para o futuro do Porto


Unanimidade no Pleno para seguir avanzando no futuro deseño da fachada marítima da cidade. A Corporación aprobou unha emenda acordada entre PSOE, Marea Atlántica e PP, que detalla a folla de ruta que as forzas de María Pita abordaron conxuntamente. O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, mostrouse convencido de estar “ás portas dun gran acordo municipal que necesita o Porto e a cidade”.

O concelleiro lembrou durante o debate a importancia do consenso entre as forzas  políticas e administracións e puxo de exemplo a consecución da conexión ferroviaria a Punta Langosteira. “Foi o conxunto de administracións co liderado da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, as que conseguiron que se levase adiante a consecución do enlace ferroviario, cos 171 millóns de euros e os dous ramais, algo que non se acadou nos últimos 17 anos”, dixo o edil.