A Corporación Municipal da Laracha manterá a mesma estrutura que tiña


  • Os Plenos ordinarios celebraranse cada dous meses e a Xunta de Goberno semanalmente. Haberá dúas Comisións Informativas Permanentes

A nova Corporación Municipal da Laracha reuniuse este venres nunha sesión extraordinaria na que a orde do día xirou en torno á organización do Goberno municipal e da estrutura interna do funcionamento dos diferentes órganos colexiados durante o mandato que acaba de comezar.

En primeiro lugar deuse conta da constitución dos tres grupos políticos da Corporación, cos seus correspondentes integrantes e portavoces. O grupo municipal do Partido Popular estará formado por once concelleiros, o grupo dos socialistas de Galicia-PSOE terá catro e o grupo nacionalista estará formado polos dous edís do BNG.

Acordouse que o Concello manterá o mesmo equipo de goberno do mandato anterior, que estará estruturado no Alcalde (José Manuel López Varela) e en catro concellerías delegadas con dedicacións exclusivas dos edís responsables das mesmas:

  • José Ramón Martínez Barbeito será o primeiro tenente alcalde e manterase como concelleiro delegado das áreas de persoal, medio ambiente, servizos municipais, feiras e mercados.
  • Jesús Souto Pena, será o edil delegado de patrimonio, obras e urbanismo.
  • Patricia Bello Canedo manterase como edil delegada en materias de ensino, cultura, deportes, xuventude, turismo e festas.
  • Rocío López Rey continuará ostentando as delegacións en sanidade, servizos sociais, igualdade, emprego e promoción económica.

Ademais, Ramiro Bello Recouso será o segundo tenente alcalde.

Do mesmo xeito que nos últimos catro anos,  haberá dúas Comisións Informativas Permanentes: a de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas e a de Asuntos Xerais do Pleno.

En ambos casos estarán integradas por membros dos catro grupos políticos da Corporación proporcionalmente á súa representatividade: seis do grupo do PP, dous PSOE e un do BNG.

Nomeouse como membros da Xunta de Goberno a José Ramón Martínez Barbeito, Ramiro Bello, Alberto Blanco, Begoña Domínguez e Pablo Bértoa (os dous últimos formarán parte deste órgano por primeira vez), todos eles do grupo municipal do Partido Popular. A Xunta de Goberno terá unha periodicidade semanal e as sesións ordinarias serán os xoves hábiles, aínda que, como explicou José Manuel López Varela, “iso non significa que se celebren cada semana, senón que se establece así para que exista a posibilidade de convocalas se hai asuntos que tratar”. Nese mesmo sentido tamén foron aprobadas hoxe as atribucións delegadas polo Pleno na Xunta de Goberno para “facer máis operativos os trámites das cuestións ordinarias”.

Foron designados os membros con carácter permanente da Mesa de Contratación. O presidente será o alcalde (poderá delegar no primeiro ou no segundo tenente alcalde) e os vogais, o secretario e o interventor da Corporación municipal. Así mesmo, aprobouse sen votos en contra a proposta da Alcaldía de designación dos representantes da Corporación nos diferentes órganos colexiados.

Ademais, manteranse os mesmos dous postos de traballo como persoal eventual, sendo o de coordinación de subvencións e o de asesor de medios de comunicación. As súas funcións e retribucións serán as establecidas na relación de postos de traballo elaborada pola Universidade de Santiago de Compostela para o Concello da Laracha e que está en vigor desde o ano 2009.