A corporación municipal de Carballo aprobará o POS+ no Pleno deste luns

2 minutes read

O POS+ é o plan de investimentos que achega fondos a cada concello da provincia en función do seu esforzo fiscal, a poboación, o número de parroquias ou a superficie. Con estes criterios obxectivos, Carballo xestionará este ano tres millóns de euros.

A maior parte desta cantidade permitirá seguir mellorando os servizos na zona rural. Evencio Ferrero, que informou sobre os asuntos do pleno acompañado pola concelleira de Planificación Urbana e Contratación, Milagros Lantes, relacionou os investimentos que se acometerán con eses fondos:

POS+2023

  • Rede de abastecemento de auga potable dende A Canosa (Rus) ata Entrecruces: 632.306,75 euros  

Plan complementario                                                        

  • Mellora da capa de rodaxe na vía de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos): 576.614,01 euros
  • Mellora da capa de rodaxe da vía dende Pereiro Vello ata Outón (Rus): 391.787,88 euros
  • Rede de abastecemento de auga potable aos núcleos do Espiño, Ramil, O Piñeiro e Goiáns de Arriba: 221.208,87 euros
  • Execución da rede de pluviais nas rúas Bronce, Ferro, Cobre e Lousa, do parque empresarial de Bértoa: 353.476,44 euros

O Plan Único da Deputación tamén permite destinar unha porcentaxe a gasto corrente, e, como apuntou o alcalde, en Carballo será a máxima: 671.559,61 euros. Carballo utiliza sempre esta opción para poder liberar eses fondos dos orzamentos municipais para acometer outras infraestruturas e deste xeito axilizar a tramitación dos investimentos.

O POS+ tamén ten unha parte social, derivada das necesidades que xerou a pandemia, e no caso de Carballo suporá unha achega de 195.871,55 euros que se destinarán, tal como explicou o alcalde, ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF).