A corporación municipal de Carballo celebra hoxe unha sesión extraordinaria


A corporación municipal de Carballo celebra unha sesión extraordinaria este luns 12 de abril para resolver dúas reclamacións presentadas ao orzamento do 2021 no prazo establecido con esa finalidade. En concreto, segundo avanzou o alcalde, Evencio Ferrero, hai unha alegación do sindicato USO, que se propón rexeitar por considerala improcedente, e outra presentada polo persoal de axuda no fogar, que o goberno local entende xustificada e que, polo tanto, propón aceptar. Esta modificación suporá que as traballadoras que cumpran cos requisitos de titulación poderán pasar do grupo 5 ao 4, mellorando deste xeito a súa situación salarial, tal como se establece no convenio colectivo. Tras a resolución destas dúas reclamacións, o orzamento do 2021 poderá ser aprobado definitivamente. Neste pleno tamén se dará conta da liquidación do orzamento do 2020, un trámite de gran relevancia, posto que, como indicou o alcalde, “permite saber cal é a situación económica dos concellos”. No caso de Carballo, o orzamento inicial de 25.982.402,37 euros aprobado polo pleno da corporación incrementouse ata un orzamento final real de 39.598.388 euros, “unha contía moi elevada”, tal como destacou o alcalde.