A Coruña 2030 | Un proxecto participativo para avanzar no deseño da cidade do futuro

1 minutes read

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou A Coruña 2030, nun evento participativo no Centro Ágora, para dar a coñecer o plan deseñado e promovido polo Concello coa participación da cidadanía e representantes dos axentes sociais e económicos locais. A Coruña 2030 é un proxecto de axenda urbana, para pensar e planificar o futuro da Coruña de forma participativa. O obxectivo é implicar aos diferentes axentes sociais e económicos no deseño do modelo de cidade, atendendo ás súas demandas para construír unha Coruña futura de forma conxunta. A alcaldesa, sinalou que «do que se trata é de pensar e planificar a cidade no seu futuro máis próximo, traballando conxuntamente na definición dun modelo de cidade que sexa máis sostible, innovadora e inclusiva, converténdose nun motor non só de crecemento económico, tamén de referencia en participación cidadá». Durante os próximos meses traballarase no desenvolvemento do Plan de Acción de A Coruña 2030, que propón intervir nos aspectos máis relevantes da cidade: desde a planificación e a rexeneración urbana ata o impulso dos procesos de innovación tecnolóxica e economía circular, pasando por unha nova xestión do verde urbano ou un renovado modelo de gobernanza máis aberto e transparente, entre outras iniciativas.