- Poucos destinos do Estado tiveron un incremento maior que o que obtivo este verán e que supón unha mellora do 18,2%
A Coruña sitúase como líder na suba do crecemento turístico da zona norte, segundo o Balance da rendibilidade e o emprego dos 105 principais destinos turísticos españois urbanos e de vacacións que realizou Exceltur do segundo cuadrimestre de 2019.
O estudo revela un incremento do 18,2% do seu índice RevPAR e sitúase como a cidade que máis subiu dentro da comunidade galega, seguida de Lugo, cun aumento do 15,9%; Pontevedra, +11,6%; e Santiago de Compostela, cun 6,8% máis dun valor que mide os ingresos por habitación dispoñible. Da franxa noroeste do país, A Coruña é a que obtivo unha maior demanda turística con respecto aos números anteriores. A súa suba é maior con respecto a outras capitais como Santander, que ve incrementada a resposta dos visitantes nun 2,8%; San Sebastián, onde a rendibilidade sobe un 5,5% ou Bilbao, que se vai ata un 8,7% máis. Deste xeito, lidera o RevPAR urbano durante o verán con 157,6 euros por riba dos outros destinos de vacacións.
Esta tendencia á alza dáse tamén no resto do Estado, onde a media do RevPAR aumenta un 10,6% e chega aos 85,2 euros. Isto vén da man dun incremento do emprego do 4,6%, que supón 14.736 persoas en activo máis.
Unha das razóns destes bos resultados socioeconómicos está en que a poboación estranxeira se decantou este verán por achegarse ata a península. En concreto, A Coruña recibiu un 14,2% máis de visitantes de fóra. Neste punto, volve a estar mellor parada que as demais cidades de tamaño medio como Bilbao (+7,4%), San Sebastián (+10,9%), Murcia (+12,5%) ou Granada (+6,9%).