Os cociñeiros Diego Castro Mato do restaurante Casa Nené de Arzúa, e Óscar Galandum da Taberna Bardancas de Cariño, protagonizan os showcookings da primeira xornada deste importante evento gastronómico. Baixo o selo ‘A provincia que sabe’, a promoción gastronómica que se está a realizar no posto de Turismo da Deputación da Coruña ofrece a única “cociña que fala galego” en toda a programación da Feira. O mércores serán Bea Hermida e Óscar Ures do restaurante A Cunca de Buño, os encargados de poñer o peche á programación de showcookings nesta edición.
A idea é, segundo indica o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, “dar a oportunidade a produtores e produtoras a participar de forma activa nunha das feiras sectoriais que máis repercusión pode ter na promoción dos seus produtos fóra do noso territorio”. Xosé Regueira insiste en que se trata de “dar mostra da diversidade e calidade da cadea agroalimentaria e gastronómica como unha das fortalezas turísticas da provincia”, co obxecto último de “procurar un retorno efectivo para produtores, distribuidores e hostalería e orientar a promoción cara ao turismo consciente e de calidade”. O stand da Deputación no Fórum volve ofrecer, un ano máis, e a única “cociña que fala galego” en toda a programación da Feira.