A Coruña abre o prazo de solicitude de axudas de 2.000 euros para autónomos e pemes


Este martes 16 de agosto comeza o prazo para solicitar as axudas de 2.000 euros que concede o Concello da Coruña ás persoas autónomas e as pequenas e medianas empresas. O obxectivo desta medida do Goberno de Inés Rey é manter e impulsar a súa actividade económica durante este ano 2022.

A finalidade desta convocatoria dotada con 400.000 euros é promover a consolidación do tecido comercial, profesional, hostaleiro e, en xeral, empresarial, así como apoiar o mantemento e creación de emprego que xera este sector económico na nosa cidade tras a crise provocada pola pandemia da COVID-19. Dito tecido empresarial está composto, na súa maioría, por microempresas e persoas traballadoras autónomas, a quen se dirixen estas subvencións para o mantemento da actividade económica.

O importe máximo que poderá recibir cada persoa ou entidade será de 2.000 euros e deberá destinarse ao pagamento das cotas da Seguridade Social ou das mutualidades dos seus respectivos colexios profesionais. Poderá ser subvencionable o 100 % do gasto por este concepto ata un máximo de 7 cotas, no período entre xaneiro e xullo do 2022.