A Coruña acolle a mostra ‘40 anos de Autonomía de Galicia 1981-2021’


A mostra Unha Galicia Mellor. 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia 1981-2021, impulsada pola Xunta, chega á Coruña para dar a coñecer a transformación da sociedade galega ao longo dos últimos 40 anos desde a aprobación do texto estatutario que marcou un punto de inflexión na historia da comunidade autónoma.

A mostra, que permanecerá aberta ao público na Autoridade Portuaria ata o 13 de setembro, narra a través de paneis, videos, carteis e reproducións fascímiles, a transformación e modernización da sociedade galega ao longo dos últimos corenta anos, desde finais dos anos 70 cando se xesta a autonomía, ata o ano 2021 no que se conmemora a efeméride da promulgación do Estatuto de Autonomía o 6 de abril de 1981.

O proxecto expositivo está apoiado con datos e indicadores obxectivos referidos a cuestións do eido educativo, laboral, social, sanitario ou empresarial, entre outros.