A Coruña acolle este sábado o Festival Intercentros a favor de Aspace e Cáritas


Tras o obrigado parón do 2020 pola pandemia, este sábado 27 de novembro celebrarase este popular evento no Teatro Colón. Será en sesión de mañá e tarde e cumprindo coas recomendacións sanitarias actuais.

Este mércores foi presentada a programación do festival no propio teatro. O acto contou coa presenza do concelleiro de Educación, Jesús Celemín. O Concello colabora activamente coa realización deste evento financiando o 100% da gala a través dun convenio nominativo. Ademais da representación municipal, tamén estiveron presentes Rodrigo Hidalgo, director do festival; Bettina Kohlhaas, directora da Área de Cultura do concello, Gonzalo Mora, da Obra Social Abanca; Carmen Barreiro, presidenta de Aspace, e Pilar Farjas, presidenta de Cáritas.

A recadación íntegra deste festival irá destinada a Aspace e Cáritas. Nesta edición participarán 18 institucións educativas e outras cinco institucións sociais e públicas da cidade. Un total de 350 nenas e nenos pasarán polo escenario do Teatro Colón este sábado. As sesións comezarán ás 12.00 e ás 18.00 horas. A gala recupera tamén os seus tres formatos de actuacións: directo, canción e coreografía. Os centros educativos que non poderán asistir este sábado contarán tamén co seu espazo no evento, con vídeos que serán proxectados no teatro. O festival pecharao a agrupación de danza galega Xacarandaina e a organización adiantou sorpresas para as e os máis pequenos.

As entradas para o evento xa están dispoñibles a través de Ataquilla e da billeteira do Teatro Colón.