- A Coruña será sede en marzo dunha competición que suporá preto de 550.000 euros en ingresos para a cidade
A alcaldesa, Inés Rey, presentou este durante a mañá deste xoves a Copa do Rei e da Raíña de Hóckey patíns, que terá lugar na Coruña do 19 ao 22 de marzo. A rexedora destacou que son «unha cidade na que o stick forma parte do noso imaxinario grazas ás cores verdes e brancas desde hai máis de 40 anos» e que xa pasou un decenio desde a última Copa do Rei con «sabor atlántico».
O ano que vén, o Pavillón dos Deportes será sede desta competición, na que participarán 16 equipos, oito femininos e oito masculinos, unha circunstancia -a de xuntar homes e mulleres- que se dará por segunda vez. Rey agarda que o evento atraia o público da casa, fieis ao Deportivo Liceo, e tamén a persoas afeccionadas de fóra, «nesa intención de fomentar o turismo deportivo. Falamos de preto de 10.000 persoas espectadoras que poboarán as bancadas do pavillón, das que 1.500 quedarán a pasar a noite na cidade, así que gañaremos todos: o Liceo, a copa; a cidade, toda esta cantidade de visitantes, e tamén o hóckey, que necesita de apoios».
Engadiu que o sector hostaleiro verase igualmente beneficiado dunha actividade que se calcula que xerará 550.000 euros de ingresos neses catro días de competición. Pola súa parte, o presidente do Deportivo Liceo, Emilio Fernández, agradeceu a presenza no acto dos fundadores, pasado e presente dun club que desde a directiva non contemplou presentar a súa candidatura tan cedo, pero que finalmente se decidiu a facelo polo apoio institucional e de patrocinadores e por toda a ilusión que se está creando, «e que se traduce nun pavillón cada vez máis cheo nunha tempada na que somo líderes da Ok Liga».
Na presentación tamén estiveron presentes o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e a deputada de Deportes, Cristina Capelán.