A Coruña acollerá durante tres anos máis a alta competición de traiñeiras

1 minutes read

A Coruña seguirá sendo o escenario da Eusko Label Liga e a Euskotren durante tres tempadas máis, tras o acordo asinado entre o Concello e a Asociación de Clubs de Traiñeiras (ACT). Deste xeito, a cidade será testemuña da loita pola Coroa CaixaBank e o Trofeo Euskotren, que se disputarán este ano e mais en 2022 e 2023 nas augas coruñesas. Esta dobre cita, que xa se leva desenvolvendo na Coruña desde hai catro anos, é todo un referente da cornixa cantábrica no remo de banco fixo. A renovación que selaron o concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, e o presidente da ACT, Borja Rodrigo, supón un grande impacto para a cidade xa que «acollermos unha competición tradicional do máximo nivel na nosa terra é fantástico, engadido ao retorno directo que para o turismo da cidade tivo nos últimos anos», asegurou Borrego. O edil sinalou a intención do Goberno de Inés Rey de seguir apostando por esta proba de altísima calidade e por un deporte que gusta na Coruña e que atrae a visitantes non só da cidade. Pola súa parte, Rodrigo destacou que a importancia deste compromiso do Concello está na estabilidade e prestixio que lle dá á competición o feito de se desenvolver na baía coruñesa: «Un acordo así coa Coruña fainos moita ilusión».

Así, os próximos 3 e 4 de xullo, a praia de Riazor volverá reencontrarse coas traiñeiras nunha nova tempada da Eusko Label Liga masculina e a Euskotren Liga feminina. Serán dous días para decidir as tripulacións que ondearán a Bandeira Cidade da Coruña, a primeira bandeira do calendario.