- O seminario LIFE REFOREST celebrarase este xoves 5 de marzo no DOMUS Museo Científico de 10.00 a 13.00 h
O DOMUS Museo Científico da cidade herculina acollerá mañá un seminario sobre a Recuperación de Chans Forestais Queimados LIFE REFOREST, onde varios e recoñecidos expertos aportarán os seus coñecementos para buscar novas solucións ante esta problemática medioambiental.
LIFE REFOREST é un proxecto europeo financiado polo programa LIFE que ten como obxectivo mitigar ata un 70% a erosión e a perda de chan en zonas afectadas por incendios forestais mediante un sistema baseado en micotecnosolos, unha innovadora solución que combina residuos orgánicos estabilizados e inoculados con fungos contidos en mangas tubulares de material biodegradable. Ademais de reducir o impacto ambiental e socioeconómico asociado aos incendios, outros dos obxectivos de LIFE REFOREST é abaratar ata un 25% os custos de aplicación das solucións existentes no mercado e reducir o tempo necesario para restaurar a produtividade forestal.
Julio Fierro, doutor en Enxeñería Agrónoma e investigador sénior de CETIM Centro Tecnolóxico, abrirá a xornada (10.10 h) presentando o proxecto LIFE REFOREST para deixar paso (10.30 h) a Francisco Dans, enxeñeiro de Montes e Director da Asociación Forestal de Galicia, quen dará a súa visión sobre as diferentes problemáticas e solucións de xestión para áreas forestais de alto risco de incendio. Posteriormente (11.00 h), Tomás Fernández-Couto, Director Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia, falará dos retos aos que se enfronta Galicia para dar solución aos problemas de erosión e perda de chan por incendios.
A xornada continuará coa participación (11.45 h) de Felipe Macías, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, quen expoñerá o uso de tecnosolos como solución á erosión orixinada polos incendios, e por último (12.15 h), Cristina Fernández, doutora en Bioloxía e investigadora do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, explicará o uso de diferentes técnicas de estabilización e rexeneración para áreas queimadas.