A Coruña activa o Bono Cultura, con descontos de ata 200 euros en comercios e negocios


O Concello da Coruña activou, este mércores 15 de marzo, o novo Bono Cultura 2023 para persoas usuarias. Esta nova convocatoria conta cun orzamento de 260.000 euros e busca dinamizar e apoiar ao sector cultural coruñés, incentivando a compra de produtos ou servizos culturais por parte da cidadanía.

Xa hai 37 establecementos de servizos e outros 12 de formación adheridos a este plan e o prazo de inscrición continuará aberto para que es negocios sigan a adherirse. Nas convocatorias anteriores do Bono Cultura arrincouse con cifras semellantes que se foron incrementando durante as seguintes semanas. O Bono Cultura 2023 suporá un desconto do 50 % do valor económico dos bens, produtos e servizos culturais que merquen as persoas usuarias, sempre e cando sexa nos establecementos ou empresas prestadoras de servizos que estean adheridas a esta campaña.

Estes bonos postos en marcha polo Goberno de Inés Rey, van dirixidos a persoas maiores de 14 anos, sexan ou non residentes na Coruña. Cada persoa usuaria só poderá descargar un tipo de bono das dúas categorías desta edición. As persoas interesadas poderán obter e canxear estes bonos ata o 31 de decembro ou ata que se esgote a contía orzamentaria. O bono en cuestión, unha vez descargado, terá unha caducidade de dous meses, ou ben ata que se esgote o crédito dispoñible do Bono Cultura.

A descarga dos bonos por parte das persoas usuarias estará a través da web de Cultura do Concello da Coruña, en colaboración coas entidades participantes. O bono en cuestión terá formato dixital, cun código QR, e estará dispoñible para o seu uso por medio de aplicacións móbiles de descarga gratuíta.