Os concellos da Coruña, Arteixo, Narón e Poio sumaranse este ano ao proxecto cooperativo PNOA 10_Galicia, impulsado en 2018 polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta para poder obter ortofotografías aéreas de alta resolución e cubrir así as demandas de información espacial das Administracións locais.
O acordo en base ao cal se realizarán estes voos formalizarase nos próximos días despois de que o Consello da Xunta dera esta semana o visto e prace á sinatura dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Federación Galega de Municipios e Provincias e os catro municipios que voluntariamente solicitaron participar na que será a terceira edición do PNOA 10.
Este tipo de voos realizáronse por primeira vez na Comunidade hai catro anos, convertendo así a Galicia en pioneira na materia e poñendo ao alcance dos concellos material moi pouco desenvolvido a nivel nacional, onde as experiencias previas similares limitábanse a Madrid e a algunha actuación puntual en Cataluña e País Vasco, pero sen abranguer unha extensión de territorio tan ampla como no caso galego.
A través deste novo convenio, A Coruña, Arteixo, Narón e Poio poderán obter tamén imaxes xeorreferenciadas de aproximadamente 10 centímetros por píxel a partir de fotografías tomadas desde o aire, un material gráfico con múltiples aplicacións prácticas. Os propios concellos delimitaron as zonas a capturar tendo en conta as súas propias necesidades, establecéndose que a superficie total a voar en 2021 será de 191,43 km2.