A Coruña aumenta os campamentos de verán para axudar coa conciliación familiar

1 minutes read
  • Ante a demanda da cidadanía, o Goberno local ofrecerá 7.475 prazas

A alcaldesa, Inés Rey, presentou este venres a maior oferta de campamentos de verán dos últimos anos do concello co fin de que «as familias concilien nun verán atípico, en que as circunstancias nos obrigan a establecer este programa para lles dar cobertura ás diferentes situacións». Deste xeito, haberá dispoñibles un total de 7.475 prazas en distintos organismos que tratarán de lles dar acubillo ás nenas, nenos e mocidade desde o 22 de xuño. Desde a práctica de deportes a un achegamento á música e á ciencia, as rapazas e os rapaces poderán desfrutar de actividades en que aprenderán dunha maneira lúdica e divertida.

As persoas interesadas poderán realizar a prescrición do 27 ao 29 de maio de xeito telemático e o día 30 anunciarase a listaxe de demandantes nas webs municipais e no 010. Habilitarase entón un período de reclamacións, os días 30 e 31 de maio e o 1 de xuño, e o sorteo terá lugar o 3 de xuño. O 9 de xuño publicarase a listaxe coas persoas admitidas mais as que permanezan en lista de espera. Para inscribírense e aboaren a cota, abrirase o prazo do 10 ao 12 de xuño. Do 13 ao 19 de xuño confeccionaranse as listaxes definitivas nas que se incorporarán as persoas en espera que finalmente consigan unha vacante.

Os campamentos comezarán o 22 de xuño, en función das modalidades e dos espazos. Formaranse grupos dun máximo de 15 participantes, seguindo as medidas decretadas polo Ministerio de Sanidade e as adoptadas polos organismos responsables das actividades de ocio educativo xuvenil. Terán preferencia as/os empadroadas/os no concello e con pais e nais traballando e teletraballando, así como as familias monoparentais.