A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu á vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño. A alcaldesa amosou á vicepresidenta o edificio da Terraza, futura sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, nunha cita nos xardíns de Méndez Nuñez á que acudiron tamén o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Ambas as dúas mantiveron unha reunión de traballo na que se deron os primeiros pasos para a sinatura dun convenio entre o Concello e o Goberno de España para a posta en funcionamento da Aesia. «A cidade estará á altura da responsabilidade que supón ser o primeiro país da Unión Europea que conte cunha Axencia de Supervisión de Intelixencia Artificial», sinalou a alcaldesa. «Esta decisión responde ao potente ecosistema empresarial, económico, tecnolóxico e universitario que hai na Coruña e en Galicia», indicou pola súa banda Nadia Calviño sobre a elección da Coruña como sede do novo organismo.
Ademais, a alcaldesa explicou á vicepresidenta os diferentes proxectos postos en marcha polo Concello financiados con fondos europeos Next Generation. Hai nove actuacións en execución, incluíndo algunhas que están a piques de rematar, como é o caso da reurbanización da rúa Compostela ou a peonalización de Alcalde Marchesi. En total, o Goberno municipal recibiu case 13 millóns de euros para levar a cabo actuacións no conxunto da cidade.