A Coruña | Candidata firme á sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial

1 minutes read

A Coruña fixo efectiva a súa candidatura para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). O Concello presentou a documentación para optar ao organismo estatal logo de que o Nodo GalicIA elixise a cidade como a mellor candidatura galega tras analizar os requisitos solicitados polo Goberno central.

A Coruña foi a cidade mellor valorada polo seu tecido académico, empresarial e polos seus servizos, ademais de cumprir cos criterios de descentralización aplicados polo estado e ser un referente nacional nas novas tecnoloxías. O Concello ofertou como sede o edificio A Terraza, un inmoble de indubidable valor histórico e artístico que aspira agora a un novo uso.

Máis de 90 institucións, entidades e empresas achegaron o seu apoio á candidatura da cidade co obxectivo de defender a elección da Coruña como sede da AESIA. Entre elas atópanse empresas referentes como INDITEX, ABANCA, Altia, Telefónica ou Microsoft Ibérica.