A Coruña | Comeza a terceira edición da Semana da Arquitectura


Levaranse a cabo tres percorridos guiados polas rúas Juan Flórez, o barrio de Elviña e Fundación Barrié, achegando ás persoas asistentes a obra do arquitecto coruñés Vázquez Molezún.

O salón de mostras do Pazo Municipal de María Pita acolleu na tarde do luns o acto de presentación da terceira edición da Semana da Arquitectura, ca exposición ‘Ramón Vázquez Molezún. 5+5 obras coruñesas’. Esta iniciativa é promovida polo Concello desde o ano 2020, co apoio da Universidade da Coruña, a Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC), a Fundación Luis Seoane e a colaboración da Fundación Barrié.

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Urbanismo Francisco Díaz Gallego, puxo en valor os obxectivos desta proposta cultural-urbanística, que nesta terceira edición homenaxea ao arquitecto coruñés Ramón Vázquez Molezún co gallo do centenario do seu nacemento.

Durante os vindeiros días levaranse a cabo tres percorridos guiados pola obra de Vázquez Molezún. O primeiro será nas rúas do Ensanche e partirá as 17.30 da Praza do Libro este martes 4 de outubro. O segundo percorrerá o barrio de Elviña e terá comezo a mesma hora na entrada do Club Financieiro o mércores día 5. Por último, o xoves 6 realizarase unha visita á Fundación Barrié, que estará limitado a doce prazas. Os dous primeiros son de acceso libre para a cidadanía.

As persoas interesadas en inscribirse nos tres roteiros poden facelo remitindo a súa solicitude, xunto aos seus datos persoais, ao correo semanaarquitectura2022@coruna.gal.